jueves, 9 de febrero de 2017

Dragóns





Son animais moi especiais e bastante raros, son moitos animais nun, pero son únicos: teñen dúas ou catro grandes patas, parecidas ás das aves, que rematan en fortes garras que lle serven para capturar ás súas víctimas ; tamén posúen dúas enormes ás, como as dos morcegos, que lle permiten elevarse no aire e voar; o corpo dos dragóns ten forma de serpe e remata cun enorme rabo afilado, pero curiosamente está recuberto con escamas, coma os peixes ; a súa cabeza é comparable a dos cabalos, ou a dos tigres cando son moi malos, e lucen nela senllos cornos coma os de toro ou… ; son semellantes ós dinosauros, pero botan lume pola boca e fume polo naris. O que non sabemos é o son que emiten, pero podería ser algo asi….(GR..GR..GR)
E que dicir do carácter dos dragóns, teñen un carácter difícil, son moi feros, parece que a natureza destes animais é ser malos. Ainda así hai diferencias. Os dragóns da remota Asia, da China e da India e do Nepal, non parecen tan feros, que tamén ; os de Irán ou Persia, que son países lonxanos de máis alá de Exipto e de Arabia, son travesos e fan o mal sen querelo, cando se revolcan nas súas profundas covas fan tremer a terra e provocan terremotos, así llo contan os avós ós seus netos persas.
Como vedes existen, ou existiron, en moitos países do mundo. En Galicia tamén, na vila de Redondela chámanlle Coca, que saibamos é o dragón máis maligno que coñecemos, devoraba fermosas doncelas, aínda hoxe se celebra alí a Festa da Coca todos os anos para celebrar a súa derrota.
En Europa contan as lendas que se dedicaban a raptar fermosas princesas que mantiñan atrapadas en lúgubres castelos ou en enormes e profundas covas, sempre vixiantes. Daquela estaba de moda que só un santo, San Xurxo, ou algún aposto príncipe ou cabaleiro, foran quen de liberar ás princesas das fauces dos dragóns, os cabaleiros ían montados en fermosos cabalos e ben pertrechados de armas, e despois dunha pelexa a morte có dragón secuestrador, liberaban a princesa, casaban, dábanse uns cantos bicos e eran moi felices. A continuación imos ler un destes contos europeos escrito por Michael Ende, so temos que aclarar que neste conto a bela princesa toma a forma dunha delicada bolboreta, e que non hai un secuestro, senon un contrato
Nunca estrastes nunha tenda dos chinos ¿¿, hai dragóns por todas as partes: nas lámparas, nos disfraces, nas sabas, nas cortinas, nos vestidos….Na cultura dos chineses os dragóns son algo moi principal, gobernan a auga en movemento, os ríos, as cascadas e os mares, e o tempo. É un dos animais do zodíaco chinés, todos os que teñades o signo do zodíaco Aries, ou sexa os que nacistes entre o 20 de marzo al 19 de abril, tamén tedes o signo chinés do dragón : tedes un carácter forte, afortunados na sorte e sodes sinceiros e abnegados. Na China celebran moitas festas na súa honra. Tamén representa a unidade de China.
Houbo ó longo da historia gran número exploradores que percorreron os cinco continentes na procura de restos palpables para poder pobrar, científicamente, a súa existencia real. Excavaron o interior de escuras covas, lanterna en man; escalaron inhóspitas montañas, mochila sobre os ombros; a pesar de tantísimo esforzo, ata o día de hoxe non se ten a certeza de que sobrevoasen o noso ceo, que cuspisen lume pola boca e exhalasen fume polo nariz, como un empedernido fumador de pipa ou devorasen cada ano unha doce e virxinal princesiña.
Entre nós, ben polo calado, nada sabemos dos dragóns, agás ó pouco recollido en festas populares, como a de San Xurxo, o mito de Sigfrido e esa devoción pagá coa cal os chineses, alá, no outro confín do mundo, conmemoran o ano do dragón. Acolá, tan preto de Fisterra, a fin do mundo, apenas hai sinais súas. Quizais – e foi un achado fortuito mentres paseaba polas fragas de Pozo Varrido, en Meira- o milenario petroglifo gravado na pedra sexa unha clara testemuña capaz de dar pé para que algún arqueólogo futuro ha de seres quen de descifrar o enigma desta cuestión tan seria.
E así, tirando devagar do draconolóxico fío, caiba preguntar se existen os dragóns tamén hoxe ou só no afastado pasado; se se extinguiron a causa dalgunha catastrofe natural ou están tremendo de medo, temendo que o fagamos. O home, xa sabedes por propia experiencia, éche moi ignorante. Ó redor deste asunto voa e revoa a mosca da polémica, algo que sucede, por exemplo, coas sereas, cos unicornios, as fadas, a posible existencia da Atlántida e os elfos. Por desgraza non se teñen evidencias nos museos. Xaquelogo, e sen caír na incredulidade, os dragóns actualmente viven nas lendas, na tradición oral, nos libros e nos soños, é dicir, na imaxinación. E aquí, xa pisamos en area movediza, cumpre estar precavido. Calquera de vostedes sabe que as portas do Reino da Fantasía se abren e se pechan ás díscolas ordes do vento. Estas portas non teñen dono. Na súa pechadura só cabe a chave de ninguén, a chave invisible de ningures.
Don Ernest Drake na súa Draconolóxía realiza un deslumbrante estudo sobre como e onde buscar os dragóns, sobre os seus costumes, sobre as diferentes especies de dragóns, sobre os lugares onde vive, sobre como hai que actuar para observalos sen ser descuberto. Esta obra resulta de inevitable consulta se se desexa ver un dragón. É un libro imprescindible.
Don Michael Ende ten editada unha novela fundamental ó redor dos dragóns. Títulase A historia interminable. E non, non se me asusten vostedes, non é interminable. Trátase dunha broma de Ende. Mollando o dedo indice e pasando páxina tras páxina, Ende fai unha fermosa defensa do Reino da Fantasía, o único lugar – se é que existe, iso debe de entrarlle polos ollos a cada un de vostede- onde se estende cara o infinito a liberdade. Nese reino poucos cren. Poucos lectores están dispostos a esquecerse por un intre de saber quen son para saber, de certo, quen son. Ó lombo dun dragón alado, Bastián, procura aprendernos.
Outro libro importante para coñecer os dragóns é Ajdar, escrito pola delicada man de Dona Marjane Satripi. Aquí fago un inciso para comunicarlles a vostedes que os libros que cito os podedes atopar nesta Biblioteca Municipal; por se lle pica a vostedes a curiosidade. Pois ben, Dona Marjane defende a existencia dos dragóns e outros animais fabulosos e as nefastas consecuencias para a imaxición se chegan a extinguirse. Asunto serio e tan espiñento.
As probas que traemos ata aquín, para que tomen consciencia, non só literarias. Se abren vostedes un xornal poderán ler sobre os constantes tremores de terra en Oriente. Pero iso é outra historia que, se cadra contaremos, outro día. Oriente e Occidente danse un bico cando se fala de dragóns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada