jueves, 18 de agosto de 2016

Ruído de trens, de Eduard Velasco



Encontrámonos con Eduard Velasco o pasado 29 de abril entre libros amontoados que repasou devagar. Acode onda nós para falarmos do seu libro Ruído de trens (Espiral Maior, 2015), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene no 2014.
Para este barcelonés afincado en Galicia desde o 2006 non é o seu primeiro contacto coas letras galegas. Colaborador desde hai tempo en medios como Vieiros, A Peneira, Luzes, Sermos Galicia ou A micro pechado (boletín editado por Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña) traballou igualmente no ILG e na Universidade de Lisboa en diferentes momentos. No mesmo 2014 foi gañador do III Certame Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo con Mentres o tacto.
Con todo, é o seu coñecemento de ambas as culturas (é licenciado en filoloxía catalá e galega) e o interese en difundilas nun territorio diferente ao propio o que propiciou a súa faceta de tradutor entre ambas as linguas. Títulos como Pan negro ou As valgadas bravas (do catalán para o galego) ou Corpo de mudanzas, O peso do meu sexo ou O porco de pé (do galego para o catalán) dan conta desta produción así como a publicación dunha escolla de textos de diferentes autores galegos e cataláns que veu a luz baixo o título De Fisterra ao Cap de Creus.
SEGUE LENDO

miércoles, 17 de agosto de 2016

La amiga estupenda. Elena Ferrante



La amiga estupenda é o primeiro volume dunha tetraloxía dedicada a estas dúas amigas napolitanas. A cidade de Nápoles durante os anos 50 é o escenario elixido por Elena Ferrante para botar á vida a dúas raparigas: Lina e Lenù. As súas historias son as historias dunha sociedade onde sobrevivir é a única tarefa á que se encomendan. A novela semella un cadro costumista que vai cobrando vida a medida que Lina e Lenù van pisando as rúas e participando dunha vida na que deben sobrevivir como heroínas. Mergullámonos na vida das familias, comemos con elas e ata chegamos a comprender os seus movementos e os seus comportamentos: actúan empurradas polo afán de supervivencia, de seguir vivos e non sucumbir a esa riada de miseria. O lector/a, levado da man de Lenú, a narradora, asiste a un verdadeiro espectáculo: os asasinatos, as estorsións, o poder do diñeiro, a política clandestina... Neste primeiro volume, Elena Ferrante céntrase na infancia e adolescencia destas dúas mozas. Lina irá marcándolle o sendeiro a Lenú, un sendeiro que ela mesma non vai seguir porque antepón as necesidades da súa familia ás súas propias. A escola, a lingua, fronte ao dialecto que predomina entre as familias que viven nese barrio, convértense en marcas diferencias para Lenù: falar en italiano e ir á escola suporalle ser respectada e mesmo valorada. Xa dende as primeiras páxinas vemos un desexo de aferrarse á escola como medio para saír desta situación abafante e caótica na que están inmersas. As diferenzas entre home e muller son evidentes: o home é o que trae o soldo á casa, a muller é unha posesión que debe estar ao seu servizo. A violencia forma parte da propia idiosincrasia do Nápoles dos anos 50, onde todo o coro de personaxes debe adaptarse a ese espazo no que lles tocou vivir. En definitiva, unha novela que daría para horas e horas de tertulia e que a ningunha de nós deixou indiferente. Temos deberes para o verán!! A próxima lectura: La hija de la criada de Barbara Mutch