martes, 10 de mayo de 2016

Cicatriz, de Sara Mesa

O Club de lectura de adultos volvemos reunirnos para comentar o libro Cicatriz de Sara Mesa. Todos coincidimos en que a autora, a través dunha linguaxe sinxela, sen artificios literarios, procurando sempre a claridade na súa exposición, conseguiu pór de relevo temas fundamentais na sociedade actual: a denuncia do consumismo; o afán por acumular e a satisfacción que iso provoca na protagonista; a dependencia das redes sociais ou a desaparición dos límites ente o correcto, o posible e o real fronte á creación dun mundo paralelo: virtual, imposible e irreal.

Un acontecemento, en apariencia insignificante, dá comezo á historia: a protagonista, fuxindo do tedio laboral, participa nun foro literario en internet. O contacto con Knut, personaxe peculiar e misterioso, agochado no anonimato que concede o mundo virtual, vai asolagando a súa vida con continuos agasallos literarios e conseguindo que a ansiedade da protagonista aumente con cada paquete recibido. A orixe dos agasallos, totalmente ilícita, non semella ter importancia, acaba por ser algo natural e mesmo necesario na relación: non nos sorprende que Knut percorra todos os centros comerciais da contorna madrileña na procura de libros, perfumes, roupa, etc. que teñen como destinataria a Sonia. É o seu modo de vivir, de manter viva a relación con Sonia.

Sara Mesa consegue crear unha historia ben artellada, sen saírse do guión e do motivo principal: a estraña relación entre os dous protagonistas. A historia desenvólvese en círculos concéntricos: no centro, a relación entre Knut e Sonia, e ao redor, sen concederlle apenas importancia, atopamos o matrimonio e o nacemento do fillo de Sonia ou a relación de Knut cunha muller de idade avanzada, son satélites que xiran ao redor.

A reflexión que tamén subxace no libro é a dificultade que Sonia, pertencente a unha familia cunha economía modesta e cun traballo tamén modesto, ten para para acceder á cultura. Os libros cos que Knut a vai agasallando, constitúen unha maneira fácil de encher a súa bagaxe cultural, á vez que a vai formando como lectora, como crítica literaria e como escritora. Unha historia de dependencia interpersoal que non nos deixou indiferentes. Facer desaparecer o michazo provocado logo da lectura de Cicatriz, de Sara Mesa, vai ser unha tarefa algo complicada.

A próxima lectura: La amiga estupenda de Elena Ferrante.