viernes, 29 de abril de 2016

La ley del menor. Ian McEwan



As responsabilidades de Fiona, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza, non rematan dentro da paredes do edificio do tribunal, é a conclusión á que chegou a protagonista de La ley del menor. Todo o mundo busca o mesmo: un sentido. Nos alicerces da vida familiar de Fiona e Jack comezan a aparecer fendas, ao mesmo tempo que ela intenta organizar e resolver a vida familiar e persoal dos demais a través de diferentes sentenzas, a súa propia vida carece dun referente legal que a poña en orde. Jack anúncialle que necesita vivir a súa última aventura amorosa, o mundo de Fiona, as ideas de estabilidade, organización e comodidade dunha parella de clase alta comezan a pórse boca abaixo. Ela, acostumada a escoitar e ditar sentenzas para pór orde nas familias, ve que a súa xa non é tan sólida como ela pensaba.

Conforme avanzamos na lectura imos asistindo á resolución de diferentes casos que caen nas mans de Fiona: a decisión sobre a educación das fillas dun matrimonio pertencente á comunidade jaredí do norte de Londres; decidir salvar a un dos siameses ou deixar morrer os dous bebés e posicionarse legalmente ante a necesidade dunha transfusión de sangue nun rapaz menor de idade que pertence ao grupo relixioso dos Testemuña de Xehová. Será Adam quen vai conseguir que a vida da maxistrada experimente un verdadeiro cambio. Os acordes do piano e do violín constitúen unha metáfora da relación entre Fiona e Adam. A medida que a relación se fai máis intensa, a música de Mahler e o seu The Salley Gardens cobra maior protagonismo: é a composición que Adam lle intenta interpretar no hospital, mais do violín só se escoita un miañar de gatos. A música enmudece na cabeza de Fiona ao volver do concerto no Great Hall logo de interpretar esa mesma melodía e ser consciente da realidade: Adam negárase a unha transfusión e falecera, xa cumpridos os dezaoito. A choiva acompaña a Fiona nos momentos cruciais: chove cando Jack lle di que quere vivir a súa última aventura, chove cando coñece a Adam no hospital, chove cando Adam a persegue ata Newcastle, chove cando volve do concerto. No momento en que ela permite que a choiva a empape, a súa vida comeza a tomar un novo impulso e é ela quen a dirixe.