martes, 9 de febrero de 2016


Desta volta na sesión do Club de lectura vimos as Ventajas de viajar en tren, acompañados de Antonio Orejudo e o seu pasaxeiro: Ángel Sanagustín ou Martín Urales. A esquizofrenia, xunto coas súas fases e as súas consecuencias é o punto de partida do relato.
O libro racha coa estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, achegámonos a unha forma de narrar novidosa e realiza un exercicio metaliterario a través do cal o personaxe cuestiona as formas de narrar que insisten en ser o máis parecidas á realidade.
O protagonista faise pasar por un psiquiatra, facultativo que traballa na clínica onde a outra protagonista, Helga Pato, vén de ingresar o seu home, un escritor de éxito ao que coñeceu na feira do libro de Frankfurt. Helga escoita atentamente as supostas historias clínicas que o suposto psiquiatra lle vai relatando: todo gardado nunha carpeta vermella, metáfora da impostura narrativa á que estamos asistindo.
O autor, A. Orejudo, gran coñecedor da obra de Cervantes, realiza xa dende o primeiro relato (El casamiento engañoso), chiscadelas á obra do escritor do Século de Ouro. Ángel Sanagustín é o novo Quixote do S. XXI que se afana en demostrar o aburrimento que supón, para o lector, o esforzo dos escritores por aparentar verosimilitude nas súas obras.
Martín Urales é quen de artellar unhas historias rocambolescas, e non sentimos necesidade de buscar referencias na realidade en ningún momento. El crea o seu mundo particular, instálase nel e decide achegalo a todos os que queiran escoitalo e participar del. Hai historias duras, desagradables mais tamén momentos divertidos e situacións cómicas e absurdas: pode ser posible que ao novo dono dun inmoble non lle recollan o lixo por pertencer ao propietario anterior? Pois si, e as explicacións xustificando o feito, convencéronnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario