martes, 9 de febrero de 2016

Accésit XIII Certame de Microrrelatos : "A hucha das mazás" de Lionel Rexes Martínez

A HUCHA DAS MAZÁS

A carón da maseira sempre houbo unha hucha con roupa enxoita para cando chegaban feridos polo Nordés. Mudábanse na cociña aproveitando a caloriña, e enxugaban as zocas no andel da cambota, sempre quente por proximidade á lumarada.
Nas xeracións todas que habitaron a casa, sempre houbo algún picarexo que pescudou na orixe da denominación daquela arca, á que sempre chamaron a hucha das mazás; e todos eles estarreceron coa resposta que escoitaron dos patrucios.
Disque nunha época de moita escaseza, unha meniña morrera na casa ao pouco de nacer, e non tendo onde prostrar o corpiño irto até o día do enterro, pousárono no interior da hucha, amortallado nun envurullo de farrapos. Durante anos, a hucha exhalou ao abrila un recendo a mazás verdes que todos apuñan á estadía da defuntiña.
Aquilo deixou de acontecer sen que ninguén garde recordo do momento, mais a inquedanza perdurou, e só no tempo en que as maciñeiras se enfeitan de froito, son remudados os xornais que forran o fondo da hucha.

No hay comentarios:

Publicar un comentario