jueves, 7 de enero de 2016

Sueño profundo. Banana Yoshimoto



Afondar no necesario e imprescindible loito, describir as secuelas logo da morte dun ser próximo a cada unha das protagonistas, é o elo de unión entre as tres historias que Banana Yoshimoto recolle no volume Sueño profundo.

O mundo feminino xaponés reflectido no día a día de tres mulleres que acaban por perder un referente humano fundamental nas súas vidas: unha amiga, un irmán ou unha rival na procura do amor. Nos tres relatos observamos a capacidade da autora en transformar o cotián en materia narrativa: a contemplación da paisaxe, o decorrer do tempo, un tempo a miúdo soporífero, abafante que leva a unha das protagonistas a mergullarse no sono como única maneira de sobrevivir.

A imposibilidade de unir dúas culturas tan afastadas, provocará o suicidio de Yoshihiro. Será a súa irmá, a verdadeira protagonista na segunda das historias, a que se vexa na necesidade de reconciliar esas dúas culturas, como paso previo e necesario para continuar a súa existencia. Conforme imos avanzando na lectura dos relatos, o mundo onírico vai ocupando un maior espazo. Na derradeira historia, a protagonista, incapaz de superar o falecemento da súa rival, sente a necesidade de un último contacto con ela: a procura da explicación a ese amor fóra de toda norma social preestablecida.

A delicadeza da cultura oriental personifícase a través da presenza predominante da figura feminina e da descrición paisaxística: contemplar a cidade a través da ventá, nevando, convértese nunha maneira de fusionar tempo e espazo. A neve é a testemuña en primeira persoa das pegadas espidas de Marie. A paisaxe é unha exquisita metáfora de todo o pesimismo existencial que percorre cada unha das páxinas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario