miércoles, 4 de noviembre de 2015

Una semana en la nieve, de Ennmanuel Carrère



Ter un pai comercial de próteses ortopédicas e de aparellos cirúrxicos podía ter moitas vantaxes, así o vía Nicolas, o protagonista do libro de Emmanuel Carrère. O rapaz ía acumulando os cupóns que o pai lle conseguía nas gasolineiras, gardábaos na súa caixa forte, igual que gardaba os seus sentimentos máis íntimos, cun contrasinal que só el coñecía e ao que era imposible acceder. O pai decide que Nicolás pasará Una semana en la nieve, xunto cos compañeiros de colexio. Logo de o levar ata o albergue no seu coche, a bolsa de equipaxe de Nicolas non sae do maleteiro e este acontecemento, en principio insignificante, dará pé a unha historia chea de misterio. O autor, dende a óptica dun neno de apenas oito anos, foi quen de sacar á luz todas as miserias dun mundo de adultos onde os instintos máis criminais van tomando forma. Conforme avanzamos na lectura sentimos mágoa polo pequeño Nicolas: un neno cheo de inseguridades, vítima do ambiente familiar no que se cría e que crea un mundo paralelo no que conseguir sobrevivir a unha realidade que o catapulta á miseria e que o abafa. Con todo, esa mágoa inicial evolúe conforme o fai o personaxe e convértese en certo odio ante a incapacidade de rachar co pasado. Para todos nós, a brillantez do libro radica na maxistral maneira de perfilar os personaxes: sen apenas indicacións concretas sabemos da violencia que sofre a nai, anulada vitalmente, intuímos a orixe familiar desestruturada de Hodkmann ou o perfil asasino do pai de Nicolas. O albergue, espazo fundamental na obra, acaba por converterse no espazo que lle achega seguridade ao neno e o personaxe de Patrick elevado á categoría de heroe, é a figura masculina que Nicolas idealiza. Sen dúbida, unha moi recomendable lectura para arrefriar as tardes calorosas do verán.

Blitz, de Fernando Trueba



A última das novelas coa que pechamos o club de lectura foi Blitz, de David Trueba. Unha obra demasiado enlatada, previsible, cuns personaxes totalmente planos que actúan como di o título, como lóstregos, guiados polas arroutadas do seu instinto. Beto vai contanto en primeira persoa toda a súa historia a partir da ruptura con Marta. É un personaxe despreciable e para nada foron cribles as súas actuacións. Pareceunos fóra de lugar a maneira de introducir as personaxes femininas: Marta, ideal de beleza e mocidade, fronte a Helga: o deterioro e a vellez. Interesante foi a idea de partir da profesión de Arquitecto Paisaxista, novidosa para moitos de nós e de gran prestixio a nivel internacional. Un libro do que agardabamos máis e que nos quedou escaso, pasou coma un relampo mais sen luz e sen ruído.