martes, 16 de junio de 2015

Vuelta a casa, de Julie Kliber



Resolvendo encrucillados durante a viaxe máis importante das súas vidas para Isabelle e Dorrie, así imos descubrindo os sentimentos máis íntimos desta amizade entre dúas persoas pertencentes a dous mundos tan diferentes e que timidamente comezan a mesturarse. Isabelle e Dorrie emprenden unha viaxe a Cincinnati para asistir ao funeral da filla de Isabelle. É unha viaxe cargada de emotividade, lembranzas e sobre todo, unha viaxe que vai reafirmar a relación entre elas. O percorrido físico é tamén un percorrido vital pola vida das dúas protagonistas. Elas conseguen, á súa maneira, atopar sentido á súa existencia: Isabelle recupera, dalgún xeito, a súa filla e Dorrie "recupera" o seu fillo e a confianza no amor. Unha das achegas fundamentais do libro foi a de achegarnos unha visión da segregación racial nos Estados Unidos dos anos 30, e a vixencia na actualidade. Todo un acerto crear tal parella: unha americana e unha afroamericana. Julie Klibler foi amosando os modos de vida de brancos e negros, a imposibilidade de contacto físico e as fortes diferenzas sociais entre eles. Unhas diferenzas que, dalgunha maneira, continúan na actualidade. Coincidimos todas en que a maior pexa do libro foi a súa estrutura: demasiado simple para achegarnos a un tema tan complexo e crucial da historia norteamericana. O comportamento dalgúns personaxes: o carácter pouco resolutivo do pai, a frialdade da nai de Isabelle ou o carácter inhumano e machista dos irmáns non son de todo cribles, semellan títeres cumprindo un mandado. Personaxes carentes de personalidade que deixan moitas preguntas sen resposta e parecen "pegotes" neste escenario americano. Estamos ante uns personaxes, en xeral, cuns comportamentos predicibles, nun tempo e nun espazo que lles tocou vivir.

lunes, 15 de junio de 2015

Verano. J.M. Coetzee



Gozar de Verano en pleno inverno, iso foi o que fixemos na sesión do Club de lectura de onte.

Co gallo de escribir a súa biografía, Coetzee serviuse dun recurso novidoso e á vez sorprendente: conseguiu novelar retallos da súa vida adulta partindo do suposto do seu falecemento: “isto é o que se saberá de min cando non estea”, debeu pensar Coetzee. Permitiu que nos achegásemos a certas parcelas da súa intimidade, sen excesos, e marcando perfectamente os límites do potencialmente coñecible. As figuras femininas van tomando corpo e coverténdose elas mesmas en protagonistas principais: amosando as súas teimas e preocupacións, e sobre todo relegando á categoría de sombra a figura de Coetzee.

O autor-protagonista é un “miñaxoia” nas mans destas corsarias. Con gran mestría introduce o transfondo social do Apartheid, as súas consecuencias e mesmo a orixe da colonización en Sudáfrica. Houbo diferentes opinións sobre o libro mais todos e todas coindicimos no novidoso da técnica e decatámonos do descoñecido que é para nós ese país do sur de África. Coetzee conseguiu trasladar o arrecendo da Sudáfrica máis xenuína a través das páxinas de Verano.

Sueños en el umbral : memorias de una niña del harén. Fatema Mernissi



Nunha verdadeira ensoñación foi como nos sentimos ao mergullarnos na lectura de Sueños en el umbral. Mernissi conseguiu, a través da delicadeza da súa linguaxe, embriagarnos cos olores e cores do Marrocos máis xenuíno e auténtico.

Os haréns, a loita pola pervivencia dos costumes máis tradicionais, ou os modos de vida das mulleres en Marrocos son o fío condutor da historia. Escoitamos de fondo a voz máxica de Shahrazad e os seus Contos das mil e unha noites, momentos especiais para as mulleres e para Fatema. O teatro, os contos, a oralidade en si mesma representa para elas unha maneira de achegarse á liberdade, de facer medrar as ás, fronte ás rexas paredes do harén.

Todos e todas coincidimos na capacidade da autora para desmitificar o mundo árabe; transmitirnos, a través destas páxinas, unha sociedade rexamente organizada onde cadaquén representa o seu papel, mais tamén se poden albiscar os síntomas de cambio entre a sociedade feminina. Momentos de especial beleza son os vividos polas mulleres na terraza, nos rituais do baño, mesmo escoitando a música "prohibida". Son momentos en que podemos ulir e sentir a calor deste país coas cores do solpor.

A través dos ollos dunha nena, a autora transmitiunos todo un mundo de sensacións, aromas e cores cos que gozamos. Unha nena que foi medrando páxina a páxina ata poder participar dese mundo tan feminino. Fatema Mernissi enfeitizounos e permitiunos adormecer no limiar que separa a realidade do soño.

Nada. Jane Teller



O pasado xoves 29 de maio volvemos xuntarnos ao redor de Nada, o libro de Jane Teller. Todas e todos coincidimos en que foi unha lectura dura, cuns personaxes que representan o nihilismo máis profundo. Conforme iamos avanzando na lectura, a sensación de desacougo e desesperanza apoderábase de nós. O libro comeza coa negación máis absoluta "nada ten sentido" e vai medrando nese forte desexo por atopar sentido á existencia. O libro semella unha versión urbana de O señor das moscas, onde o influxo nórdico da autora é palpable: ese afán sanguinario, obsceno nun ambiente hostil e deplorable. Cada un dos compañeiros de clase vai aumentando a montaña de significado para, nun primeiro momento convencer a Pierre A. de que a existencia ten unha razón, mais eles mesmos acaban sucumbindo nesta voráxine totalmente destrutiva. En definitiva, un libro que admite múltiples análises e que nos fai pensar e reflexionar nesa etapa vital que é a adolescencia, na cal todo é cuestionábel.

Caribou Island. David Vann



Camiñar pola paisaxe inhóspita de Alaska a partir do libro de Caribou Island, foi o percorrido do club de lectura deste mes de maio. David Vann, con gran mestría, conseguiu unha simbiose perfecta entre personaxes, paisaxe e clima, non en balde estamos en Alaska. Vann foi quen de introducir, partindo dunha historia cotiá, un tema de extrema crueldade como é o maltrato. Gary, un dos personaxes principais, un ser que se considera superior perante a súa dona, é un fracasado, e desa frustración vital vai empapando a Irene. A propia Irene acaba sucumbindo a toda esa maraña de desafectos. Malia advertir á filla de que está a repetir o mesmo rol, non é quen de emerxer e afoga na súa propia existencia.

Cada un dos personaxes posúe as súas peculiaridades: Monique aparece coma un lóstrego, pon a Jim no seu lugar e desaparece. Outros, son auténticos monicreques movidos polos fíos do clima, da paisaxe ou do contorno social.

Un dos grandes acertos do autor é a linguaxe: a capacidade de describir os espazos, os movementos e mesmo conseguir fundir a voz do narrador coa dos protagonistas.

Os espazos habitados, principalmente a cabana, acaban por converterse en metáforas do fracaso vital dos personaxes. Son relacións, en definitiva, gobernadas por un clima duro, agresivo e escuro que os leva a sucumbir na súa propia existencia.

La verdad sobre el caso de Harry Quebert. Joël Dicker



A cidade de Aurora, no estado americando de New Hampshire é o escenario onde se desenvolve a novela coa que reanudamos as sesións do club de lectura: La verdad sobre el caso de Harry Quebert.

Todas e todos coincidimos en que é un libro novidoso respecto á maneira de narrar, hai varios planos que se mesturan: a relación entre o escritor, Harry e a rapaza Nola, ou entre ambos escritores: Harry e Marcus.

A peculiaridade dos personaxes: Marcus, o Formidable, consegue ser o mellor durante a adolescencia sen arriscar nada; Harry non acaba por ser o escritor que todo EE.UU cría, e Nola evolúe dende unha inocente nena ata que o escritor a converte nun ser case demoniaco. O libro arrinca coa aparición do cadáver de Nola no xardín de Harry, a partir dese momento todo se desencadea.

O que máis nos sorprendeu foi a capacidade do autor por metaliteraturizar a propia literatura; así o mestre, Harry, vai dando leccións ao seu pupilo e este, á súa vez reflexiona criticamente sobre a escrita, os editores ou o propio mercado editorial. Os retratos dos personaxes que van desfilando polo libro son totalmente singulares: a nai de Marcus, obsesionada porque o fillo case; o pai de Nola, un ser polo cal sentimos un forte desprezo ata que o autor consegue que nos compadezamos del ou os donos do Clark´s, unha clara mostra da hipocrisía social.

A técnica narrativa utilizada fai que, unha vez que comecemos o libro, nos subamos nunha montaña rusa. En ocasións a acción desfila a gran velocidade cara ao final e de súpeto prodúcese un xiro e comezamos a subir: outra vez hai que reformular e intentar averiguar quen é o asasino. En definitiva, unha novela que nos mantivo á expectativa ata o final.

No confíes en Peter Pan. J. Verdon



Atraídos pola poderosa palabra de Verdon, xuntámonos noutra nova sesión do Club de lectura de adultos. Nesta ocasión, unha novela policiaca: No confíes en Peter Pan, conseguiu que as xélidas temperaturas destes días non fosen un impedimento para xuntármonos. O malvado Peter Pan fíxonos entrar en calor.

Todas e todos coincidimos en que foi unha lectura "moi potente". Non nos deixaron indiferentes as personaxes que por ela desfilaron: a muller de Dave Gurney, Madeleine. unha psiquiatra que ao chegar á casa consegue esquecer totalmente o seu traballo e centrarse en actividades do máis cotiá, e non por iso do máis suxestivas: construír un galiñeiro no circundado, preocuparse polo seu galo "Horacio" e polas súas galiñas. É quen de explicar con sutileza o comportamento do seu galo, sen nos chegar a parecer ridículo, ou de emocionarse coa participación nunha típica feira americana.

Para o seu home, o detective Gurney, ela é o piar da casa, en varias ocasións deixa constancia da súa superioridade intelectual, algo do que se sente orgulloso. Con todo, no protagonista afloran certos comportamentos un tanto "machistas": é ela a que se ocupa dos quefaceres diarios da casa.

Chamou a nosa atención a capacidade do autor para crear ambientes: varios son os momentos en que podemos pechar os ollas e trasladarnos a esa feira americana de gando sen sentirnos alleos ao lugar. A descrición é totalmente absorbente e envolvente.

Verdon conseguiu manternos pegados á cadeira e que non nos retirásemos da súa fiestra: necesitabamos saber quen era o asasino e como sucedera aquela morte case imposible.

A creación do antagonista, un tanto cómico e camaleónico, foi todo un acerto. Os seus movementos lembraban os dunha rata imposible de capturar e cunha mente do máis perversa. O personaxe vólvese un xigante en contraste co seu diminuto corpo, un ser diabólico. Coas reflexións que Dave vai facendo ao longo das páxinas, o autor crea un personaxe sólido onde albiscamos as súas teimas e as súas dores: a morte do fillo, as preocupacións cotiás, etc…

La evolución de Calpurnia Tate. Jacqueline Kelly



Calpurnia Tate, o seu avó e o gran naturista Darwin, volveron xuntarnos o xoves 3 de abril na biblioteca de Quintela.

A protagonista do libro de Jaqueline Kelly espertou as nosas simpatías por ser unha rapaza con inquietudes moi definidas, nunha sociedade tan patriarcal na fin do S. XIX. Tate herda o interese naturista e á vez vai experimentando co método dedudito que o seu avó, un coetáneo de Darwin, lle vai inculcando.

O avó, un personaxe moi destacado na historia, traslada o seu método científico á sociedade daquel entón, e mesmo á súa familia: el observa dende a distancia, uns chanzos por enriba, e toma decisións. Decátase de que Calpurnia é a súa herdeira e cada vez vaina atraendo máis e máis cara ao seu espazo.

A novela consegue ofrecernos unha panorámica da sociedade do S. XIX, onde homes e mulleres tiñan os seus espazos e as súas obrigas moi definidos. Tate resístese a esa férrea barreira e, pouco a pouco, vai gañando terreo: non entende como os seus irmáns queren a toda costa casar, resístese a aceptar a muller elixida polo seu irmán ou mesmo a aprender as tarefas que, segundo a súa nai, son propias dunha rapariga. Detalles curiosos vai enchendo as páxinas da novela: o suceso co pavo, a elaboración do licor por parte do avó, a ridiculez na presentación da moza de Harry ou como o avó a consegue "espantar" amosándolle os escaravellos, etc. Aínda que a autora se permitiu determinadas licenzas, das cales advirte aos lectores experimentados, non por iso deixa de ter o seu interese a obra, en canto á visión que dá da sociedade do XIX, e sobre todo, o influxo de Darwin, naquel momento considerados un home e un libro (A orixe das especies) malditos.

Todas e todos coincidimos en que nos pareceu unha lectura agradable e sobre todo unha lectura que todas as rapazas e rapaces deberían ler e analizar.

Felices los felices. Yasmina Reza

Unha perfecta arañeira en que os personaxes van unindo os seus fíos e tecendo a súa vida, é a obra da francesa Yasmina Reza que “destecemos” nesta ocasión no club de lectura.

O propio título Felices los felices semella unha sentenza bíblica, un contrasinal necesario para mergullarnos como simples espectadores neste babel de vidas, en apariencia cotiás e comúns. O acerto fundamental da francesa foi a capacidade de converter o cotiá en materia narrativa, interesante para o lector.

A través dun perfecto dominio da linguaxe conseguiu a recreación de ambientes e situacións, en apariencia do máis normais, mais que pretendían suscitar no lector unha profunda reflexión: imaxinar a discusión entre unha parella nun supermercado, sobre algo, tan absurdo como a lista da compra, permítenos reflexionar sobre as relacións humanas e as necesidades máis primarias. A conversa nunha sala de espera antes de entrar nunha sesión de radioterapia ou o periplo da bolsa “Go Sport” coas cinzas de Ernest, son outros dos capítulos que nos fan matinar na sinxeleza do ser humano.

Os personaxes que van actuando neste gran teatro da vida son vistos dende diferentes ópticas: Chemla, o oncólogo, é presentado pola nai de Vicent como un especialista escepcional e loable e no seguinte capítulo preséntase como unha persoa cun pasado familiar traumático que marca a súa existencia.

O deterioro do ser humano: a hipocrisía, a falsidade, a morte, a loucura, a infidelidade vista como unha faceta ligada á propia existencia, son os temas recorrentes nestas páxinas: o Alzeimer é unha enfermidade marabillosa, chega a dicir Darius, porque “ninguén che leva a contraria”; as residencias da terceira idade convértense en consultas freudianas; traballar como “conselleiro técnico” e cobrar por xogar ao bridge é algo do que fardaba o pai de Damien Banèche, ou obsesionarse con Celine Dione, ata chegar á tolemia, é a maneira de sobrevivir que ten Jacob Hutner. A bolsa de deporte rosa e negra onde trasladan as cinzas de Ernest, é toda unha alegoría á falsidade e á hipocrisía que percorren as páxinas deste libro.

Felices los felices resultou ser un alegato, en clave irónica, contra todos os deuses mundanos que adoramos nesta sociedade do século XXI.