jueves, 26 de marzo de 2015

Como hei vivir mañá sen a luz túa?, por Soledad Ríos Santomé



(BEGOÑA CAAMAÑO IN MEMORIAM)

Circe ou o pracer do azul

Esta ía ser unha tertulia atípica para nós. Necesariamente. Esta vez, en contra do habitual, non ía estar a autora para conversar con nós. Pero, a falta de Begoña, presentáronse as súas amigas para cubrir a súa ausencia. Ana Romaní e Fernanda González para poñer a voz. Uxía Senlle, a música. Todas tres embarcadas no proxecto de difundir a obra da súa amiga agora que ela non pode, agora que non está.
Non se presentan soas á cita. Para facerlle o acompañamento a Uxía achegáronse tamén Magín Blanco e Clara Pino (con guitarra e arpa respectivamente). Tatán (de Tanxarina), presente tamén na sala, uniranse nalgún momento para cantar algunha peza.
A biblioteca, onde nos reunimos, está ateigada. A tertulia de hoxe espertou gran expectación. Acompáñannos máis de cincuenta persoas que queren saber de Begoña Caamaño, da súa obra, da súa personalidade.
Pero, como facernos a idea de quen era esta autora que nos convoca, nós que só sabemos do/s seu/s libro/s? Ana Romaní, compañeira súa na Radio Galega longo tempo, deita luz sobre nós e fálanos dunha personalidade poliédrica na que sobrancea a intelixencia, a lucidez, a xenerosidade, o rigor e a esixencia. Non só. Begoña era tamén audaz no pensamento, comprometida no social e no político, leal nos afectos, crítica e coherente no seu traballo, calidades incómodas nun medio tan difícil como o radiofónico; cun grande aprecio pola autonomía e a independencia. Independencia, esta é a palabra que sobrancean as tres. Con todo, é un cadro incompleto. Aínda destacan o seu amor á música (facíase acompañar por Uxía nas presentacións dos seus libros), á lectura, que debullaba con detemento, lucidez e intelixencia, e aos clásicos, eses nos que centrou a súa escrita. Pero, ante todo, o seu amor con maiúsculas é á vida, á vida, esa que se lle esgotou.
Incide Ana Romaní tamén na lingua elixida da súa escrita, ligada indisolublemente a ela. “Non podería escribir noutro idioma que non fose o meu”, ten afirmado Begoña Caamaño. “Para min é moi importante contribuír a consolidar, aínda que sexa modestamente, a nosa literatura e o noso idioma”.
A profesora Fernanda González fálanos da súa obra que, aínda que escasa (só dous libros publicados Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle), abondaron para facerse un oco no panorama literario galego actual. E non dubida no seu xuízo: “A mellor escritora galega dos últimos tempos”. E non está soa no seu recoñecemento. A propia autora falara da boa acollida que tivera Circe, o seu primeiro libro, tanto de público como de crítica. Tal foi que decidiu darlle continuidade a aquela primeira escrita realizada para si, como un reto persoal e sen pretensión de publicar. E a súa segunda entrega (Morgana) tampouco defraudou.
Se ben Circe non chegou a ter máis mención que ser finalista no 2009 no premio da Irmandade do Libro outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia a sorte de Morgana, elaborada de xeito máis consciente e demorado (segundo confesou), foi máis afortunada: Premio da Crítica española, Premio Antón Losada Diéguez e Premio Ánxel Casal da AGE (2012) De feito, non en van Circe, na súa tradución ao castelán, foi un dos tres títulos escollidos para o lanzamento da editorial Mar Maior en Madrid. Ángel Basanta, presidente dos críticos españois, nesa presentación xustifica esta escolla sen vacilacións: “a obra literaria de Begoña é a propia dunha voz excepcional”.
Pero, de que tratan eses libros que tan boa acollida tiveron? Os títulos poden darnos xa algunha pista. Tanto Circe ou o pracer do azul como Morgana en Esmelle revisan dous mitos clásicos sobradamente coñecidos, Penélope e Morgana. Fernanda González fálanos do gran coñecemento da autora da obra de Homero, da materia de Bretaña e da recreación cunqueirana. Non só canto ao contido senón canto á forma e á linguaxe propia de cada un, que mimetiza ata evocar fortemente a cada un dos autores revisitados. É a súa homenaxe persoal a ambos escritores. E non deixa de facer chiscadelas a outros autores dos que incorpora frases ciscadas nos seus textos (“Como hei vivir mañá sen a luz túa”, de Bernardino Graña, por exemplo, en Circe).
Na entrevista “A conversa” da TVG Begoña Caamaño afirmaba que na base da súa estrea literaria estaba a súa primeira lectura da Odisea. “Cando a lin por primeira vez estaba agardando atopar un personaxe co que identificarme, aquel que puidese ser eu no texto pero non o localicei. Penélope era un personaxe aburrido e Circe, moi fugaz. Así que, cando me puxen a relatar, resolvín escribir o libro que a min me gustaría ler”.
Pero, con retomar uns mitos clásicos sobradamente coñecidos (Penélope no primeiro e Morgana no segundo libro) a súa é unha reescrita desde unha perspectiva propia. “Colle os mitos e dálles a volta para construír un modelo de muller diferente. Aquelas que desexan ser libres para si”, comenta Fernanda González. As súas historias teñen como protagonistas as mulleres, as eternas secundarias, os personaxes silenciados aos que lles presta voz para nos ofreceren unha visión diferente da historia.
Sabemos que esta escolla non é casual. Begoña Caamaño recoñecía que a súa era unha ollada feminista consciente e que esta característica é transversal na súa obra. “É desde o feminismo que eu interpreto o mundo. É unha cosmovisión propia, un humanismo radical” ten afirmado. Desde esta perspectiva non estraña a súa revisitación. “Os mitos, afirmaba, durante séculos, milenios, marcaron canons e fixaron estereotipos e modelos de conduta que chegaron ata nós. Daquela, o único xeito de revolvernos contra os arquetipos que nos inculcaron é volver a eles para transgredilos e subvertelos”. Para deitar sobre eles nova luz.
A Penélope de Homero é un “referente fundamental no imaxinario masculino do que debe ser unha boa muller”, segundo as súas propias palabras. A autora intentou prestarlle as palabras que Homero lle negou e tecer, cal Penélope, unha relación imposible entre a esposa e a amante dun mesmo home, nun mesmo tempo, que na sociedade patriarcal deberían ser rivais e que na novela, subvertendo normas non escritas, inician unha relación de amizade que se expande máis alá do motivo de contacto orixinal (Ulises) e que as converte en cómplices e confidentes das súas vidas.
Pero non só é benevolente coas protagonistas femininas. "Begoña salva a todos os seus personaxes”, comenta Fernanda González. O personaxe masculino, do que se agardaría un perfil de gran conquistador, afouto, sagaz e intelixente, está investido de calidades como a humildade, a tenrura e a delicadeza, pouco comúns en personaxes destas características. “Circe e Morgana son dúas novelas feministas e, precisamente por iso, foxen de todo maniqueísmo. Espero non ter incorrido en demasiados estereotipos no momento de debuxar os personaxes masculinos”, afirmaba a autora.
Pero Circe e Penélope non son tan diferentes, aínda que si o sexan as súas circunstancias vitais, comentouse na tertulia. Ambas desexan o mesmo: autonomía e independencia. Circe, dona e señora dunha illa con reserva do dereito de admisión, vive en liberdade con outras mulleres, protexidas pola maxia da deusa. Nese momento mantén un tenro e apaixonado romance con Ulises que a fai sentir culpable. Pola contra, Penélope é refén da súa obriga de preservar un reino que non desexa para poder, no seu momento, pasar o relevo. Pero é unha tarefa inzada de dificultades porque, mentres, debe aturar o asedio dunha cohorte de pretendentes brutos e cobizosos que só ansían o seu trono; a impaciencia e a incomprensión do seu propio fillo, que desexa ocupar o sitio do pai ausente; a falta de entendemento coa súa sogra, que condena a súa actitude e o retiro do seu sogro, que decidiu abandonar a corte. A autora constrúe unha Penélope descarnadamente soa, asediada desde moitos frontes e sen apoios nin descanso posible. O máis revolucionario que pode desexar é a soidade, dada a súa falta total de perspectivas.
E a historia está magnificamente relatada, coméntase, “de maneira exquisita”, chega a afirmarse e, malia o pouco común da temática escollida, a narración consegue manter o pulso. “De non estar moi ben escrita a historia non se sostería”, aínda se engade. E no coidado da súa redacción, ten comentado a autora, estaba o reto persoal de probar un xeito de expresión diferente ao seu habitual nun medio como o radiofónico, no que prima o sincretismo e a brevidade.
Hai libros, engadiuse, que marcan un punto de inflexión para futuras reescritas. A obra de Begoña Caamaño será desas. Desde agora existen outra Penélope e outra Circe posibles das que ninguén oíra aínda falar e que haberá que ter en conta. “As súas son reescritas dun pasado, neste presente, para outro futuro”, afirmou Ana Romaní, ese para o que ela traballaba e no que lle tería gustado vivir porque “Ela contribuíu a facer do mundo un sitio mellor”.
As súas presentacións, dinnos, comezaban con “Mulheres de Atenas” de Chico Buarque. E aínda que nos saltamos o comezo habitual, rematamos a tertulia coa canción que agora é obrigada, o “Alalá das Mariñas” de Uxía. Aquela coa que a ela lle tería gustado despedirse.
Soledad Ríos Santomé (Tertulia da Lonxa Literaria o 23 de xaneiro de 2015)

Este artigo contén información tirada doutras páxinas que mencionamos deseguido:

PRENSA ESCRITA
Ø Faro de Vigo. 02.05.2013. Faro da Cultura. Entrevista a Begoña Caamaño.

LIGAZÓNS EXTERNAS (Consultas en febreiro de 2015)

Ø Begoña Caamaño: a transgresión do mito. Caderno da crítica (blogue de Ramón Nicolás)
http://cadernodacritica.blogaliza.org/begona-caamano-a-transgresion-do-mito/
Ø Observatorio da Mariña pola Igualdade. Entrevista a Begoña Caamaño http://observatorioigualdade.org/inicio/index.php?option=com_content&view=article&id=173
Ø Praza Pública. Cultura. Entrevista de Montse Dopico. Luns 30 de abril de 2012 http://praza.gal/cultura/791/la-sororidade-e-unha-arma-de-empoderamento-que-so-pode-facernos-mais-libres/
Ø Programa A conversa, da TVG. Entrevista a Begoña Caamaño. José Manuel Vila Chantres. https://www.youtube.com/watch?v=ex9qMGWS_94
Ø Feira do Libro, Vigo. 04.07.12. Presentación de Morgana en Esmelle por Begoña Caamaño https://www.youtube.com/watch?v=BZZeKcUU3Zc