jueves, 19 de noviembre de 2015

Inverno a este lado do mapa* / por Soledad Ríos Santomé

GONZALO HERMO

Celebración



(Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 18 de setembro de 2015)

Gonzalo Hermo chega nunha tarde cálida que na que nos entretemos devagar antes de acudirmos á cita prevista. O temperán da hora permítenos gozar da caída da tarde sobre o mar antes de encontrármonos con quen nos agarda, todo o público que acudiu ao encontro con este novo escritor.

Naquela altura descoñeciamos que estabamos ante un futuro premio nacional. Apenas un mes máis tarde o Ministerio de Cultura outorgaralle o Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández 2015 pola obra que iamos debater. Pero, por entón, Gonzalo Hermo aínda non era o autor que sería noticia semanas despois esta distinción e protagonista de portadas e entrevistas. Naquela altura tan só era o escritor convidado á nosa tertulia.

Tras a chegada ao centro, a súa presentación infórmanos de datos abondo coñecidos neste momento: o seu nacemento en Rianxo, a súa licenciatura en filoloxía galega, a preparación da súa tese de doutoramento e docencia na Universidade de Santiago de Compostela no presente ano e, finalmente, o seu actual traballo no Instituto da Lingua Galega.

Engádesenos que a difusión dos seus primeiros textos foi en revistas como Dorna, Andar 21, Novas Ólisbos ou Revista das Letras. Mais foi coa publicación de Crac, o seu primeiro poemario, na editorial Barbantesa (2011) cando comeza o seu recoñecemento co premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia (2010) ao que segue o primeiro premio do I Concurso de Poesía Centro Recreativo das Artes (2014) e o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro (2014). Ao tempo, difúndese a súa obra alén das nosas fronteiras coa tradución dalgúns dos seus poemas ao castelán en diversas revistas (como Novas de poesía) e antoloxías (Como cantan las piedras).

Crac aínda gozará de nova vida no pasado ano con outro formato. Baixo a dirección de Lázaro Louzao e con voz do propio autor, nesta mediametraxe o director buscou trasladar á linguaxe audiovisual o ambiente xeral do libro “cun resultado moi interesante”, segundo palabras do rianxeiro.

E se a estrea con Crac non puido ser máis afortunada, a súa segunda entrega, Celebración, afianzou este recoñecemento. Premio da Crítica en 2014 o portavoz do xurado Ramón Nicolás salientou do libro o “contexto pletórico de carnalidade” xunto coa intención do autor de “crear algo novo desde as ruínas existentes”. En todo caso, aqueles primeiros temores de Hermo sobre a perda de lectores no seu segundo poemario resultaron infundados: “Escribín Crac moito antes de ser publicado, sendo case un adolescente. O libro é unha especie de axuste de contas co pasado e hoxe miro con moita distancia a esoutro home que eu era. Non obstante, tivo unha acollida favorable e intuía que Celebración non ía gustar como o primeiro, que se ía considerar como unha regresión, un paso atrás e que os lectores de Crac non o ían recibir ben. Pero non foi así, ao contrario, penso que mantiven os lectores do primeiro e que gañei outros novos.”

A publicación de Celebración con Apiario supuxo a estrea desta editorial a cargo das tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás. Coñecedoras de preto das interioridades deste mundo no seu quefacer ofrecen un enfoque propio no que buscan coidar a calidade de cada edición cara a converter cada poemario nun obxecto de valor en si mesmo. Esta idea de mimo e tratamento personalizado para cada unha das súas obras recóllese expresamente na súa páxina web: “Apiario edita libros onde ningún é igual ca outro. Cada título é (…) unha oportunidade de elaborar un deseño único que responda ás necesidades do texto”. As razóns desta filosofía, explica Hermo, baséanse nos estragos da crise na edición de poesía. “Nos últimos tempos as editoriais publican coleccións cada vez máis reducidas e de peor calidade. Non obstante, existe un público escaso pero fiel ao que non lle importa pagar un pouco máis por unha boa edición e que neste momento ve desatendidas as súas necesidades”.

A xestación da edición, continúa, comezou cun primeiro contacto coas poetas: “Chamáronme para saber se tiña algo para publicar. Eu estaba a punto de rematar este poemario e concedéronme tres meses de prazo. As condicións que me ofreceron eran inmellorables, así que non tiven dúbidas en publicar con elas. Tivemos moitas reunións nós os tres con Mauro Trastoy, o creativo, para decidir todo tipo de cuestións sobre o formato: a posición do título, a numeración ou non das páxinas, a tipografía, a inclusión ou non do nome do autor… Todo foi obxecto de debate. A ilustración central da granada é cousa de Mauro e a min gustoume moito. Paréceme que recolle moi ben esa idea de carnalidade que gravita en todo o texto.”

E este deseño non lle resulta indiferente ao público asistente que salienta a súa sobriedade, sinxeleza, “nudez”… calidade. “É unha edición impecable. Encantoume”, chegouse a dicir. Outro asunto, a ausencia na portada do nome do autor, comenta, foi moi debatido na editorial. Non obstante, a supresión final concorda plenamente coa súa idea de lectura como unha tarefa activa. “Eu non pretendo ofrecerlle ao lector un discurso mastigado e preparado. Só quero darlle ferramentas para que cadaquén faga a súa propia lectura. E todas son igual de válidas. E as que se fagan teñen que ser independentes do autor e da súa biografía. Pretendo que os lectores se interesen polo texto, non polos datos da miña vida”.

A comunicación da nova sorprendeuno por inesperada: “A noticia colleume en Barcelona. Non agardaba o premio en absoluto. Non é frecuente que se lle dea a alguén tan novo. Só a Iolanda Castaño e a Berta Dávila no seu momento. Pero é un premio no que, aínda que non conta con dotación económica nin con presentación do libro, ten un prestixio incuestionable. Eu creo que, á parte do recoñecemento a unha obra en concreto, detrás estaba a intención do xurado de impulsar unha nova editorial e de dar a coñecer a poesía dos máis novos.”

“Celebración”, engade, “foi unha obra que me levou moito tempo facer. En realidade, a cita de Antonio Gamoneda (“He llegado, por fin; este no es mi lugar, pero he llegado”) foi a que me fixo escribir o libro. Eu estaba nunha praia de Porto moi bonita e quixen glosar iso. Levaba tempo dándolle voltas na cabeza e, cando por fin me puxen a escribir, saíu todo de corrido. Non obstante, creo que se pode ler (ao igual ca Crac) como unha unidade de sentido, como un único poema no que se dan voltas sobre as mesmas ideas”.

“Eu, explica, á hora de escribir parto dun estado de dúbida que o propio proceso da escrita me axuda a despexar. Pero non teño un discurso preparado nin creo que o meu [discurso] sexa mellor ca o dos demais. Penso que a poesía debe intentar chegar ao lector dun xeito diferente. Eu intento non ser narrativo e non ofrecer un discurso mastigado. Non. Eu intento proxectar ideas, sensacións, imaxes… unha especie de cóctel no que pretendo suxerir máis ca o que di o texto e deixar a escrita o suficientemente aberta para que cadaquén se apropie dela segundo as súas propias experiencias. Son consciente de que este xeito de achegarme ao lector, ás veces, choca e non sempre consigo transmitir como que me gustaría. Non obstante, existe unha idea sacralizada de que a poesía lle ten que gustar a todo o mundo coa que eu non concordo e ademais tampouco aspiro a que a miña poesía lle guste á xente á que non lle gusta a poesía. Non teño esa vocación”.

Pero no poemario, á parte das citas (de Eduard Velasco1 e de Antonio Gamoneda2), Hermo quere deixar constancia dunha serie de mencións a determinadas persoas que figuran na última páxina: “As dedicatorias para min son importantes. Tiñan que estar aí. Mauro e as editoras preferían retiralas pero eu insistín. A min moléstame moito a visión do poeta xenio que vive nunha cova illado do mundo. Non é o meu caso. Eu relaciónome con persoas coas que interacciono, comparto experiencias, das que aprendo cousas... Quería reivindicar todo iso, a toda esa xente. É o meu particular agradecemento”.

Mais, o público asistente devece por intervir e as opinións na sala sucédense. A primeira que abre a rolda é o hermetismo do libro. Alúdese á dificultade para intuír aquilo do que o poeta fala e das posibilidades de interpretación “É unha poesía hermética… densa. Precisa unha relectura para captala ben e permite moitas lecturas diferentes”. Contra esta opinión hai quen resalta as súas imaxes: “Algunhas imaxes son moi potentes: “O cerebro do poeta contra si”. É boísima” ou a súa calidade visual: “Eu non a miro escura senón moi visual”, característica que Gonzalo ratifica que lle teñen dito noutras ocasións en contra da súa propia percepción de que a súa é unha poesía sobre todo sensorial. “Celebración, amplifica, é un libro de contrastes. Eu non era consciente diso ata que os lectores mo dixeron.”

Outra característica que se menciona, o culturalismo do poemario, é comentada polo autor: “No primeiro libro acusóuseme de culturalista e neste segundo quixen fuxir diso. Daquela, así como esta característica estaba moi presente en Crac en Celebración pretendín evitala”. Non obstante, matízase, ese culturalismo é máis intuído ca explícito porque “moitas veces existe a tentación de determinados autores de facer notar as súas lecturas previas e neste libro, aínda sendo evidente que existiron, non se aprecia. E aparecen referencias a poetas moi actuais. É un poemario moi actual.”

E dentro do texto destácanse outras cuestións como os versos finais dalgúns poemas. Equipáranse cun xeito de sentenza última que chama moito a atención: “Algúns versos finais son de impacto: “Cal será o prezo da visión/ despois de todo”; Se cadra/ cicatriz”; “Tarda en curar pero libera”… O ritmo dalgúns outros tamén é obxecto de comentario: “Ás veces, a poesía ten música porque ten un ritmo que chama. Aínda que non a entendas. Por exemplo, no poema da moreira branca… é como se montases nun cabalo e te levase”. E aínda se engade, “ Ás veces, os silencios din máis…”.

Dentro da lectura de Celebración como unha unidade de sentido mencionada por Gonzalo incídese na sala canto á existencia dun conxunto de grupos semánticos que se repiten ao longo do poemario, algúns deles en contraposición clara ou intuída: o corpo, o río, o frío/o incendio, a calor; a pureza/a culpa; a lingua/o poema; a pedra, os insectos, o ruído… Na mesma liña outras autoras (Olalla Cociña, Ana Salgado) teñen mencionado a conexión deste poemario co Libro del frío de Antonio Gamoneda canto ao vocabulario cunha simboloxía próxima á do autor leonés (insectos, vexetación, frío…).

A memoria, outro elemento central no libro, aparece tamén nos comentarios: “Aprecio en todo o texto a presenza dunha memoria, dunha herdanza que afoga, que pesa e que da que un precisa desprenderse para ir máis lixeiro”. Esta percepción, comenta Gonzalo, “foi recollida por Luisa Castro na presentación do libro en Barcelona. Ela mencionou que na tradición grecolatina na que nos inserimos a memoria, a herdanza é algo positivo, valioso, pero non así na cultura oriental na que se valora o esquecemento. Porque a memoria pódenos afogar, non deixarnos ser como somos; daquela, cómpre esquecer para seguir adiante, alixeirar a carga para continuar. Creo que o verso no que digo “pois nada é máis fermoso que a memoria nos engane” resume ben a idea que quero transmitir no libro.”

Sobre esta cuestión volve o xurado do premio nacional de poesía que valorou do poemario “a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora, neste libro que trata sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre as ruínas, de romper o círculo e avanzar a pesar de todo.”

Celebración, tense dito, é un libro sobre a perda, Gonzalo precisa: “Este libro fala de medrar, de despedida dun mesmo3, pero prefiro que cada un se achegue desde si e non desde a miña biografía”. Neste sentido, a benxamina da sala (16 anos), remarca a mesma idea: “É unha lectura distinta das habituais pero creo que se o lesen as miñas amigas non lerían o mesmo libro ca min porque elas na súa infancia non pasaron as mesmas cousas ca min.”

E rematamos, como o libro, resaltando o ton optimista que vai gañando o texto a medida que se desenvolve: “Na progresión do poemario advírtese unha evolución que vai desde a escuridade á luz, do frío á calor. Esta percepción tamén se aprecia na mención dos meses –de xaneiro a maio- e das estacións do ano -do inverno á primavera-. Partimos da escuridade pero a luz definitivamente vai gañando terreo. Parece que hai esperanza”. Celebración remata co poema que exemplifica esta transformación e que se le en voz alta: “NON HABÍA LUZ na espesura do bosque/ pero de pronto/ puidemos ver. Viamos”.



Soledad Ríos Santomé

* Último verso do primeiro poema de Celebración

1 Sempre stimaràs la terra amb què has compartit el fred (Eduard Velasco)

2 He llegado por fin; este no es mi lugar, pero he llegado (Antonio Gamoneda)

3 Animal ao fondo/ preparando o pelo/ para a muda, escribe o autor no seu poema Contra a saudade

No hay comentarios:

Publicar un comentario