viernes, 22 de noviembre de 2013

RELATO GAÑADOR DO XI CERTAME DE MICRORRELATOS "LONXA LITERARIA"

QUEN


            A lúa proxectaba luz suficiente sobre a auga salgada, mentres a embarcación apenas producía movemento algún na superficie. Coma unha pantasma, avanzaba pola ría dende había xa 20 minutos sen avistar ningunha outra nave, como era normal a esas horas da madrugada.
            Sen saber moi ben o porqué, pensou que, de estar a muller na casa, xamais lle permitiría facer aquela excursión sen marealo a preguntas. A onde, por que, con quen. Mordeu a lingua e fixo sangue, mais non se decatou. Quen. Quen, cando apareceu con ese corte de pelo: quen, cando a viu con aquel vestido novo. Pero agora xa sabía quen.
            Considerando que xa estaba o suficientemente lonxe da costa, lanzou pola borda o rizón oxidado que atopara na Casa Vella, a do avó. Observou como descendía e arrastraba con el a pesada carga, ata rematar mirando soamente a escuridade do mar.

Antía Yáñez Rodríguez

No hay comentarios:

Publicar un comentario