viernes, 22 de noviembre de 2013

ACCÉSIT XI CERTAME DE MICRORRELATOS "LONXA LITERARIA"

O ACHADO


       Por moito que tirou da Galga e logo do barco non deu arrancado o rizón do leito de area do fondo. As uñas da áncora estaban tan fixadas ao fondo de area que semellaba que o trangallo aquel fixera baleiro e que, de o ter arrancado, toda a auga do mar ensumiría, como cando un quita o tapón a unha bañeira. Se cadra algún despoxo de aparello abandonado, algunha rocha do fondo, pensou, suorento, mirando cara a illa de San Martiño. Resignado decidiu poñer o traxe e o resto do equipo e baixar botar unha ollada, maldita a gana que tiña de lanzarse ao mar e sentir aquel fluír de auga xeada a percorrer cada oco do neopreno. Baixou á présa, a rumir o fastío que lle provocaba aquel incidente, e seguíu a baixar cara ao fondo, cada vez máis espeso e máis frío. Alá embaixo, a uns trinta metros da superficie, a auga túrbida de refugallos case non lle deixaba distinguir o obxecto que tiña presa a áncora. Achégase e o corazón quere saírlle do peito cando distingue, a emerxer do fondo, unhas costas e un brazo, unha cabeza de muller. Unha figura enorme de madeira prendida a outro obxecto chantado no leito mariño. Ao achegarse un pouco máis adiviña, inscrita no ombreiro da figura, coma unha tatuaxe anacrónica e descontextualizada, unha verba exótica: Maracaibo.


Mónica Rey Santiago

No hay comentarios:

Publicar un comentario