jueves, 13 de junio de 2013

OS EFECTOS AFECTIVOS DA CAFEÍNA




Café só, de Anabel Alonso, deixa un delicado e amargo resaibo emotivo na sensibilidade de quen se achegue ás súas páxinas. Unha veintena de relatos breves para ler, como unha columna periodística, acompañado dunha cunca de café, co tempo preciso para verquer o azucre e remexer coa culler, lendo absortos e internándonos, palabra a palabra, ata disolverse nunha axeitada fin que, sen dúbida, agarra coa súa gadoupa o noso sistema nervioso e mostra unha renovada ollada sobre a nosa vida cotiá. 


Nada é futil para os acerados ollos de Anabel Alonso, capaces de escudriñar o obvio, o alegre e o agredoce da existencia do ser humano. Inicia o libro cun metaliterario limiar, a modo de fábula, pondo en claro a súa percepción da literatura, misturada sempre coa propia vida. Cada conto, abofé, respira a rente do noso devir diario. Nada hai de fantástico, agás a realidade, que supera dabondo calquera interpretación artística. 


O ton dos relatos é constante, case que en sordina, dando unha sensación de lentitude, moi acorde co noso pulso existencial, que parece abocado ó aburrimento, o tedio. Malia Anabel sabe espremerlle o seu lado lírico, a certeza insospeitada de que a vida está ateigada de pequenas situacións abraiantes ás que temos os sentidos, ollos e a razón pechadas de vez. Quizais tanta literatura fantástica, tantos efectos especias nas películas, tantas enrevesadas tramas das series da televisión, sexan a causa inevitable para que non sexamos quen de apreciar a nosa vida. 


Xa que logo, a realidade constitúe aquí a protagonista inevitable. Unha realidade transformada. En Café só hai lugar para apatía, para a alegría dun ligue frustrado, para un cruce de camiños entre amantes, para a soidade, a tristeza ante a vellez, para un amor suicida, para unha limpadora atea, para unha directora de orquestra que soña co seu príncipe azul que nunca se decide a bicala... De todo, como en botica, para se deixar abraiar.


Porén, o lector recreará situacións vitais que lle resultarán familiares, escritas cun estilo pulido, magro, coidando con meco ata o máis nimio detalle. Anabel Alonso adoita dar no albo e ergue unhas tramas engaiolantes, con ese pulo suficiente para esquecer o rutineiro paso do tempo e sentir que vives nun conto – aínda que non sexa de fadas. Unha ilusioniusta sacando da chistera, polas orellas, o coello do cotiá e amosándollo ó espectador co seu mellor dos sorrisos sen que se note o artificio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario