miércoles, 27 de febrero de 2013

Ó BORDO DA CLARIVIDENCIA






 Con Territorio da desaparición, Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958) inaugurou un novo ciclo creativo, entornando os seus ollos cara aos adentros, ao cognoscitivo predio do ser; dicionario do estremecemento conforta a segunda entrega nunha arriscada reflexión sobre o asombro da existencia, unha seria indagación epistemolóxica do eu, que partindo da observación da realidade, e punzando na fibra do desexo, intenta transcender a través do alambique do verso para acadar a definición última da vida e esfollar a rosa inmarcescíbel que nos cantou Borges. O fío condutor é o temor vital.
Dicionario do estremecemento iniciase cunha cita de Goethe, que vai marcar a pauta de case que todos os poemas: o estremecemento humano. O título de cada unha das composicións queda enmarcado nunha soa palabra, unha entrada etimolóxica, a raíz da cal realiza unha reflexión sobre o seu desasosego existencial, a modo de definición. Crea, xa que logo, un dicionario portátil persoal. Principia ao xeito clásico, cunha declaración de intencións, en que entrega a súa vontade aos designios da poesía, un escriba que traza versos sen por que, sen motivo, só coa esperanza de albiscar un indicio de felicidade. A polpa atopámola despois de mondar con paciencia a casca e abrir pola metade esta reveladora froita. Os poemas Beleza, Futuro e Fillo, fundan a Trindade dunha pregaria dirixida ó alén. A chaga que supura o sangue primixenio. Constitúen a cerna do dicionario, elaborados cunha retórica destacábel, resoltos cunha digna intuición poética e entoados cunha adecuada disposición métrica - a cadencia da súa musicalidade causan no lector certo pasmo, pero aínda sen chegar a provocar unha reacción física. Vello roza neles a perfección, percebe a electricidade do estremecemento. O lirismo acada aí cotas salientábeis. A tensión lograda ata este tramo queda minguada coa intercalación de varios poemas de corte narrativo, rematados moitas veces con desacerto, que deslocen a íntegra feitura da estrutura harmónica do libro, esvaecéndose no aire, como unha aira discorde, na procura dun punto de fuga que non dá apreixado. Poemas como Labrega, co estigma do sentimentalismo ou Rio, que deixa entrever unha das grandes obsesións do poeta, o temor á morte, son a tónica a seguir.
Xa que logo, Dicionario do estremecemento daralle a algún despistado lector que se lle achegue instantes de abraio reconfortantes, con versos onde se remexen as luminosas follas da árbore da vida, consabidas metáforas e algunha revelación que, acaso, acenderá o pabío da luminaria da súa alma. Para iniciarse na poesía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario