martes, 20 de marzo de 2012

UNHA AIREADA DE TEDIO

 

Doutor Deus conforma a segunda entrega de Xabier López López (Bergondo, 1974) ó eirado das letras galegas. Anteriormente sacou do prelo unha parodia de xénero policial, Biff, bang, pow!, que gozou dunha gran acollida entre os lectores.
   Esta segunda novela, Doctor Deus, relata a historia dun eminente poeta portugués, Afonso Deus, ambientada nos anos da posguerra, que arriba á vila de Cabaleiros, tras unha viaxe en tren, ó quedar namorado a primeira vista dunha fermosa moza. Hospedase nun hotel, preto da plataforma, rexentado por una viúva entrada en carnes. Aí compartirá cuarto cun enigmático personaxe, Trotski,  que actuará coma o seu alterego. Rapidamente se inserta na vida social da vila e consegue namorar á moza. O pai desta última está encontra de que un portugués goce do corpo da súa filla, xa que logo, aproveitándose da situación política intenta persuadilo para que abandone Cabaleiros. O achado no lixo duns poemas comprometidos co comunismo por un mendigo será o detonante. 
 Doctor Deus configurase en cinco títulos, que á súa vez quedan estruturados en varios capítulos dunha extensión breve, provocando un avance rápido da trama e avivando a sensación de esvaecemento e fragmentación da realidade. A intención do autor é óptima, incluso a situación histórica, pero e a curta extensión de cada capítulo frea a evolución psicolóxica dos personaxes, ficando absolutamente planos e circunscritos a estereotipos inzados de tópicos; identificarse co heroe da narración comporta un gran esforzo para a intelixencia do lector, que asiste o desenlace coa mirada aséptica dun forense. Xa que logo, Xabier López crea un crebacabezas cuxas pezas ás veces non encaixan con soltura, con constantes puntos de fuga que atordan ó lector, perdéndose en gran medida o fío do argumento ó enguedellarse en reflexións matemáticas e epistemolóxicas que encaixan dun xeito abrupto coa finalidade da trama: unha romántica historia de amor. Ignoro cal será o referente de Xabier López, que novelas intenta parodiar, que estilos literarios ridiculizar, xa que o seu propio estilo peca de afectado, rancio e telegráfico, incapaz de dotar de verosimilitude e veracidade ás accións que perfilan os personaxes. As escenas son improcedentes, banais e carentes de colorido. O humor, dende logo, brilla pola súa ausencia. Nin un asomo de vida e beleza.  Esboza, maila non desenvolve.      
  Segundo sinala a contraportada do libro, intenta escribir unha novela “heteroxénea, paródica, procurando unha estratexia de inestabilidade que é unha crítica directa á literatura baseada no predominio dun sistema de valores”. De feito, son unha palabras fermosas e precisas, pero tras a lectura, só se sente unha fonda decepción. Unha labazada no intelecto. Nada diso queda patente. Só un baleiro emotivo, o tedio, e a sensación de ter sido enganado e malgastar un par de horas nunha lectura infrutífera.