jueves, 20 de diciembre de 2012

Accésit "X Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria"



SUSO BAHAMONDE
Cée (A Coruña)



“1985, VERÁN”

Coñecina ao comezo do verán no que eu cumpría dezaseis anos. A miña familia veraneaba naquel lugar tan aburrido da costa, e todas as noites, despois de cear, os meus pais xogaban a partida cos veciños na solaina da casa. Eu aproveitaba e paseaba polos camiños que atravesaban o monte, fumando cigarros e observando as estrelas. Unha noite cheguei diante dunha finca pequena, cun valado a medio facer, unha vella caravana iluminada e unha desvencellada e descolorida chalana nun lateral da finca, na que, no seu interior, había prantadas leitugas, tomateiras e acelgas. Un xardín botánico illado nun océano de céspede. Aquela muller, duns trinta e pico anos, saiu da caravana e pediume lume. Dinllo e despois falamos trivialidades. A noite seguinte volvín. Convidoume a café e conversamos. Tiña os ollos máis tristes que vira nunca e arrecendía a naranxeira en flor. Nun tempo estivera casada e tivera un fillo; tamén fora mestra. Todas as noites daquel verán a visitaba e fumábamos, mirábamos as estrelas e falábamos de libros, música e cine. A derradeira noite que a vin, deitámonos xuntos na súa caravana e fixémolo a modo, mentras fóra un fino orballo marcaba as horas. Eu perdín a virxinidade, ela gañou amor propio.



Hoxe, trinta e seis anos despois, leo o xornal aburridamente antes de ir á oficina e vexo o seu nome nunha pequena e solitaria esquela. Fóra comeza a caer unha tímida choiva invernal


No hay comentarios:

Publicar un comentario