jueves, 20 de diciembre de 2012

Premio "X Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria"




ANTONIO MANUEL FRAGA ALLEGUE.
A CORUÑA




“RETRATO DA SOMBRA DUN CAN”


Son un can que viaxa nunha chalana río arriba, subo río arriba sentado na chopa en silencio, mentres as abas do monte arden coas refulxencias místicas do sol de setembro.
Acho que o meu dono quéreme ben porque sei calar cando hai que calar e ladrar cando hai que ladrar. Tamén nado canda el polas noites, na auga fría do río zarrapicada de estrelas. Pola contra, non gustou de que lle matase as galiñas ao veciño, e eu tamén sei que iso non estivo ben, máis non sei que me deu.
Ás veces saco unha pata pola borda e xogo coa auga e as troitas quéixanse nerviosas porque turbo a auga coa miña pata sucia. Tamén se poderían queixar do ronsel que deixa o bote, ou mesmo das chapuzaduras dos remos no cristal fluvial. Mais diso non din nada as fillas de puta. Unha brisiña lene como o veludo sécame a lingua. Axiña habemos chegar ao campeiro. O suor debuxa sucos na fronte do meu dono, e todas as engurras da súa cara murcha viaxan canda nós hoxe na chalana. Demasiadas engurras para o meu entender, mais eu que vou entender se só son un can que viaxa sentado na chopa coa lingua de fóra e me asusto cando unha troita chouta desde a auga. O meu dono rema e chora e, de cando en vez, olla de esguello a escopeta pousada ao seu carón

No hay comentarios:

Publicar un comentario