martes, 25 de octubre de 2011

María Lado





O pasado venres, 14 de outubro, a Lonxa Literaria de Moaña contou coa presenza de María Lado, poeta, narradora, actriz -podemos atopala na última montaxe da Compañía Produccións Teatrais Excéntricas-, chegada da Costa da Morte, concretamente de Cee, onde nace o 14 de abril de 1979, por se alguén quere mardarlle bica mantecada envolta nas cores da República, un detalliño. Non veu presentar "Amantes", premio Poesía Erótica Illas Sisargas - a piques do saír do prelo- , nen textos como "Nove", premio Avelina Valladares, ou "Berlín", senón a compartir unha obra anterior : "Casa atlántica, Casa cabaret", publicada na xa desaparecida colección Ablativo Absoluto, de Xerais. "En casa asentei o meu estilo, a memoria, a narratividade, as múltiples voces, iso comezou neste libro". 
María, alistada no Batallón Literario da Costa da Morte, pertence a esa caste de poetas novos que tenta levar a poesía fóra do seu espazo e público habitual, perpetrando, en solitario, na compaña de Lucía Aldao ou dalgún colega dj, divertidísimos recitais nos lugares máis insospeitados: prazas de abastos, chiringos de praia ou lugares de copas a altas horas.
Do mesmo xeito, crea videopoemas, forma parte do colectivo "Poetas da Hostia", é responsable das "Hostias en verso", veladas onde dous aguerridos grupos de poetas enfróntanse, a golpe de poema, nunha xusta aberta ás votacións do público presente.
De xeito distendido, coa súa característica gheada, partillou na Lonxa da súa poética. Traballa a partir de imaxes - un exprimidor no fondo dun armario, por exemplo - , pensando no texto coma nun guión, esas imaxes teñen que ser moi claras, mirarse ben,  pois o poemario vai contando unha historia de principio a fin. Dahí que non lle chisten demasiado as antoloxías e carece moitas veces de unidade.
Para comprobar esa unidade, o ritmo e a importancia da oralidade nos seus escritos, ten a teima de ler en voz alta o que vai escribindo, desbotando todo o que non encaixa. "En xeral, os meus textos están ancorados na miña vida, sempre acabo falando da memoria", deixou cair, dahí que moitos lectores ficaran fondamente preocupados pola súa infancia despois de ler "Casa atlántica", a primeira parte do libro, enchoupada en nostalxia e pegadas de tristura. Atmósfera que cambia con "...casa cabaret", moito máis luminosa. Pero tranquilos, lectores, aínda sabendo que "a casa e o maior reflexo dun mesmo", recoñece que se o pìden as imaxes tamén inventa, o mesmo ocorre nos recitais. - hai algún creador que non o fai ?-
Falouse da industria editorial, "o autor/a non forma parte da industria editorial, e .... un accidente". Convencida de que os libros que se venden sós, son aqueles nos que o editor inviste moita pasta en publicidade, mentres que os libros de poesía, coma os discos nos concertos, onde se venden é nos recitais. Non mira o libro impreso en colflicto co libro dixital, incluso ten a súa primeira publicación "A primeria visión", orixinalmente en Letras de Cal, subida á rede.
Como peche fixo referencia á novela "Nosotros los ahogados" de Carsten Jensen, como unha das mellores lidas últimamente e recitou, como non, palabras que quedan na memoria.





MARCOS ZIMMERMANN - Desnudos sudamericanos

Unha colección de fotografías "raras", os modelos posan sen roupa, son xente normal de calquera parte, impresiona ver o contraste dos oficios e a desnudez total dos seus protagonistas. 

Mazarino.