miércoles, 30 de marzo de 2011

FIN David Monteagudo Ed Acantilado.


"Fin" é a primeira novela publicada por David Monteagudo (Viveiro, Lugo-1962), publicada mais non escrita, ten nove textos máis no caixón listos para entrar no forno.
Todo un boom editorial que debe ir xa pola oitava edición, un libro atípico para un autor atípico: galego fillo dun oficinista, que prantou o choio para dedicarse ás artes,  e dunha mestra de exquisita cultura ; afincado en Cataluña desde os cinco anos, fala  catalán e escribe axilmente en castelán; currante nunha fábrica de cartón ondulado a onde vai e vén en moto desde hai trece anos; que considera iso da literatura un "sobresoldo" e recoñece non ler os seus contemporáneos.
Con estes antecedentes, que temos?
Como argumento un punto de partida anecdótico e suxestivo: un grupo de amigos decide voltar a verse despois de vinte e cinco anos para lembrar aventuras xuvenís, ceos estrelados, antigas culpas...
O que comeza sendo unha excursión de fin de semana vai collendo un camiño sorprendente, inesperado, inexplicable -e varios adxectivos máis polo estilo-, a historia engancha rapidamente e flúe a moi bo ritmo, potenciada pola abundancia de diálogos e as precisas -que non pesadas- descricións.
O autor fainos visualizar perfectamente canto acontece, tomando ás veces distancia dos feitos, como se do ollo dunha cámara  de director de escena mostrando a ficción se tratase.
Non sería de estrañar polo tanto que tiveramos en breve unha adaptacion cinematográfica, estimulada pola presenza de poderosas imaxes de suxestiva e fría beleza.
Poderíase argumentar na súa contra que estira demasiado o fio argumental, e iso pode provocar irritación ou cansazo nun lector pouco entregado.
Novela sobre a última xeración á que lle foi inoculado o virus da culpa e o pecado?
Realismo máxico feito na casa?
Clarividente profecía do que se nos ven enriba?
En todo caso un xeito estupendo de animar a crear lectores e/ou lectoras sen prexuízos