martes, 8 de febrero de 2011

Mi tío Napoleón. Iraj Pezeshkzad. Ático de los Libros. 2010


Delicioso libro comedia, publicado en 1973, escrito polo iraní Iraj Pezeshkzad. A pesares de estar prohibido na actualidade en Irán, o libro gozou, e está a gozar, dun grande éxito e circula de xeito clandestino. Asi que entramos na súa lectura prevenidos e na procura de aspectos irreverentes e subversivos que poidan incomodar ao actual réxime islámico de Mahmud Ahmadineyad. E o que encontramos é un tenro e irónico retrato da sociedade iraní en 1942, exemplificada nunha ampla familia acomodada de Teherán, moi tradicional, estructurada a modo de clan, e dirixida por un patriarca ó que o protagonista chama Tío Napoleón. Éste, xa xubilado, fora un oficial de baixa graduación durante a guerra cos ingleses, pero crese, coma un novo Quixote, un heroe de guerra vencedor de trascendentais batallas contra os británicos grazas á posta en práctica das estratexias militares do seu admirado Napoleón Bonaparte. Na súa enaxenación arrastra consigo ó seu criado Mash Qasem (inesquecible) que, lonxe de pisar terra (como Sancho Panza), comparte e incluso supera os dislates do seu amo.
A maioría dos membros desta disparatada familia representa un modelo social anclado no pasado, non moi diferente, quizais, do da España rural durante o franquismo. A farsa permítelle a  Pezeshkzad repasar os males de Irán: a falta de educación, o papel sumiso da muller, a corrupción política e relixiosa, etc. ;  pero non hai como poñer en boca dun exaltado os defectos da Nación, o probe Tío Napoleón encarna o conservadurismo trasnoitado que valora sobremaneira a honra familiar ou o arraigado convencemento de que todos os males de Irán proceden da codicia das potencias colonialistas estranxeiras.   (O descubrimento de grandes xacementos petrolíferos en 1908  terá grandes consecuencias na historia política e económica de Irán, os novos recursos económicos espertaron a codicia de británicos e rusos que non deixaron de interferir e incluso intervir militarmente durante os períodos das dúas grandes guerras). Aínda hoxe o réxime iraní acusa á oposición de servir ós intereses de USA e Gran Bretaña.
O autor  emprega infinidade de argucias para dominar a totalidade da narración. O fío conductor ven sendo o amor do narrador pola súa prima Yaiza, precisamente a filla de Tío Napoleón, amor que se ve constantemente ameazado polos enredos e intrigas familiares que se producen no patio que comparten as distintas vivendas dos membros do clan. . 
En contra da nosa prexuiciosa visión sombría de Irán "encontramos unha cultura chea dun sentido profundo da ironía e do humor e dun tratamento delicado da sensualidade e da tenrura que vai en contra de calquera fundamentalismo ou doctrina puritana, xa sexa islámico ou doutro tipo" (Azar Nafisi. The Guardian)
Vaia pois este blog na honra de Iraj Pezeshkzad

No hay comentarios:

Publicar un comentario